Alas Coruña visita Marineda City con motivo do Día do Orgullo LGTBI

Este 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo LGTBI e en Marineda City sumámonos a esta cita con Alas Coruña (Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña), que este luns 27 e venres 1 de xullo ofrecerá información no stand solidario do centro.


“O día do Orgullo conmemora a revolta de Stonewall en 1969 e hoxe aínda é necesario saír á rúa todos os anos para lembrar que o noso colectivo debe vivir en igualdade dentro da nosa sociedade”, sinala Ana García, presidenta de Alas Coruña. “Seguimos sendo discriminados e seguimos sufrindo violencia no día a día da nosa vida e é necesario que este día 28 saiamos ás rúas da Coruña”, reivindica a responsable de Alas, que lembra que o seu lema este ano é “Fronte ao odio e á violencia, á visibilidade, ao orgullo e á resistencia”.


Ana García anima a todas as persoas que o desexen a achegarse ao stand solidario: «Podemos falar de todas as dúbidas que teñas sobre o colectivo LGTBI. Achégate se tes dúbidas, se queres falar da túa amiga, curmá ou filla, resolveremos calquera dúbida que teñas. E se precisas información máis concreta, se tes algunha dúbida ou problema, achégate, poderemos falar con calma e tentaremos axudarche en todo o que poidamos”.


A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña leva traballando polo
colectivo dende o 2010, ano da súa fundación. Para obter máis información sobre o traballo de Alas Coruña podes consultar a súa páxina web, os seus perfís nas redes sociais ou visitalos no seu local da rúa Cardenal Cisneros número 68.