Living Art, talento local de ruta: falamos con Nuria Díaz

Detrás do noso proxecto de arte de roteiro Living Art están as marabillosas ideas de artistas locais como Nuria Díaz. Ela é a ilustradora que encheu de vida co seu mural a Planta 1 xunto a  Smöoy coa ilustración titulada “Un lugar de encontro”.

Esta artista vilagarciá afincada en Santiago de Compostela fai oito anos que se dedica en corpo e alma á ilustración, e cóntanos que os ingredientes chave para o éxito foron “traballar moi duro, sorte, talento e, sobre todo, constancia”.

Estilo minimal

O seu proceso creativo inspírase na vida cotiá, algo que podemos ver como unha constante nas súas creacións. E especialmente no mural que ideou para  Marineda, que busca representar “un lugar no que sexas como sexas podes gozar”.

Paseos, libros, natureza e bicis repítense na arte naif da nosa colaboradora, que recoñece ter predilección pola ilustración en formatos “que se poidan tocar e cheirar”. Di que lle gusta máis o papel “pero por puro  hedonismo, para o traballo do día a día é máis cómodo e rápido traballar en dixital”, por iso o seu proceso é fundamentalmente co Ipad.

A carreira de artista

Nuria é unha desas afortunadas que se dedican en exclusiva a facer o que lle gusta. Preguntámoslle polo seu camiño como ilustradora e contounos todo o esforzo que supón chegar ata aquí.

A súa carreira empeza cando perde o seu emprego como deseñadora gráfica e aínda que “de pequena non sabía que ser ilustradora era unha profesión”, aquí a temos!

Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, di que porque “se supoñía que era o que había que facer cando che gustaba debuxar” e o camiño ata hoxe foi “un proceso natural” pero á vez duro: “unha mestura de traballar moi duro, ter algo de sorte, algo de talento e, sobre todo, constancia”.

Hoxe traballa ilustrando libros, campañas publicitarias e unha infinidade de formatos para aquelas marcas que queren ir máis aló e dar aos seus clientes unha experiencia personalizada. E saen cousas tan chulas como a que podes ver na Planta 1, subindo as escaleiras de á beira de Tiger!

Pedímoslle un conselliño, por se algún de vós se inspira co seu proxecto e quere iniciar os seus primeiros pasos nisto da arte mural, e isto é o que nos pediu que vos digamos: “Isto é unha carreira de fondo, hai que ter paciencia e tesón e estar a formarse continuamente. E sobre todo acordarse de gozar do proceso, que iso é importante e esquecémolo.”

Se es artista e queres participar no proxecto de arte de roteiro Living Art, non dubides en escribirnos en calquera dos nosos perfís de redes sociais. Trátase dun proxecto vivo, e desexamos facelo crecer contigo, para seguir apoiando a cultura local. 😉