Mulleres fortes e traballadoras

Son moitas as mulleres fortes e traballadoras que nos inspiran. Hoxe, con motivo do 8M, en Marineda City queremos falar con algunhas delas para sabermos a súa opinión sobre como ven o Día da Internacional da Muller, os seus referentes e que mulleres lles inspiran no seu día a día.

Andrea Castromil, directora da Fundación Naru

Andrea Castromil ten como principal obxectivo na Fundación Naru darlle apoio ás persoas que, por teren sido pacientes oncolóxicos ou coidadores destos, perderon o seu emprego ou tiveron que renunciaren a el durante o proceso da enfermidade. Sabe ben o que é loitar día a día e cre que é importante celebrar o Día Internacional da Muller «porque se lle está dando visibilidade á igualdade de xénero e aos dereitos». Para Andrea a muller que inspira a súa vida é a súa nai: «Miña nai foi nai de 5 fillos, non tivo a oportunidade de rematar a carreira. Pero cando xa todos os seus fillos estábamos encarrilados volveu estudar e sacou a carreira de mestrado, escribiu 4 libros e ía colaborar ao hospital Materno a contarlles contos aos nenos».

Na súa casa hai un libro de cabeceira: «Los renglones torcidos de Dios». Preguntámoslle a Andrea polo consello que lle daría ás novas xeracións: «Que sempre ten que existir o respecto».

Rosa Rodríguez, redeira de Corme

Rosa Rodríguez leva traballando como redeira de barcos dende os 13 anos. Unha vida pelexando por manter vivo este oficio. Grazas ao seu esforzo, o traballo das mulleres redeiras chegou a todo o mundo: ata Loewe chamou á porta do seu taller en Corme para encargarlle uns chaveiros. «Está claro que a día de hoxe aínda segue existindo unha gran desigualdade entre homes e mulleres; a celebración deste día fai concienciar ao mundo da importancia de empoderar a muller, de darlle a visibilidade que se merece, protexendo os seus dereitos e enriquecendo o seu valor. Estivemos moitos anos apagadas e xa era hora de que nos deixen brillar».

Para Rosa a súa nai é o seu referente. «Ela sempre foi ese grande exemplo a seguir. Dende ben pequena guiou os meus pasos, enchéndoos de valores e construíndo á persoa que son hoxe». Tamén destaca o papel das súas compañeiras de oficio: «É precioso que cite a todas as mulleres redeiras. Con só 13 anos comecei nesta profesión e elas foron as miñas, referentes, unhas verdadeiras mestras para min». Como libro apunta un que pode axudar a coñecer a súa profesión: «Xela a redeira, un libro que conta a historia de Xela, unha muller brava, loitadora e perseverante». É concisa á hora de lanzarlle unha mensaxe á xente nova: «Que loiten, que loiten pola EQUIDADE».

Sofía Vázquez, encargada de Mulleres Colleiteiras

Sofía Vázquez e o resto do equipo que compón Mulleres Colleiteiras traballan día a día por acadar a inclusión socio laboral de aquelas mulleres en risco de ou en exclusión social. A Cooperativa sen ánimo de lucro, da que é socia traballadora, ofrece tamén unha alternativa á recollida de aceite vexetal usado na cidade da Coruña: “É importante reivindicar o día da muller traballadora para que todas as persoas que pensen que a muller non é importante, que saiban que sí que o é”. O seu referente son as mulleres traballadoras e loitadoras, cidadás de todo o mundo e a ONG Arquitectura sen fronteiras, que fixo posible este proxecto colectivo.


Para as novas xeracións lanza unha mensaxe: “Que se guíen pola súa intuición e pensamento e así tomarán unha boa decisión”

Todas elas, mulleres fortes e traballadoras, mulleres que son un exemplo e inspiración. Mulleres cunha historia que queríamos destacar nun día coma hoxe

#DiaInternacionaldaMuller