Un ano máis, avanzamos no noso compromiso coa igualdade sumándonos ás reivindicacións do colectivo LGTBI con motivo do Día do Orgullo. Así, durante toda esta semana a bandeira do arco da vella ondeou no noso centro e hoxe, venres 26, e mañá sábado 27, os voluntarixs de Ás Coruña estarán no noso espazo solidario para informar, concienciar e sensibilizar.
Ademais, no marco do ano temático “Mujeres LTB: sororidade e feminismo”, sumámonos á Federación Estatal de Lesbianas Gais, Trans e Bisexuais para dar visibilidade ás mulleres lesbianas, transexuais e bisexuais e poñer en valor figuras relevantes deste colectivo en diferentes ámbitos como a creación literaria, o activismo, as artes escénicas ou a música. A continuación, mostrámosvos algúns exemplos:
- Virginia Woolf. Nada en Londres en 1882, a escritora británica está considerada como unha das figuras máis relevantes do modernismo británico por obras como “Orlando”, “ Mrs. Dalloway” ou “As ondas” e unha pioneira do feminismo polo ensaio “Unha habitación propia”. Casada co tamén escritor Leonard Woolf, mantivo unha relación coa poeta Vita Sackville-West, da cal quedou testemuño na súa apaixonada correspondencia.
- Chavela Vargas. María Isabel Anita Carmen de Jesús Vargas Lizano, máis coñecida como Chavela Vargas, triunfou nos escenarios de México e España co seu timbre profundo e desgarrado que dá voz á tristeza mesma. Aínda que ata cumpridos os 80 non fixo público o seu lesbianismo, segundo a lenda entre as súas conquistas atopábanse a mismísima Ava Gardner e Frida Khalo, con quen conviviu durante un ano na Casa Azul, que ambas compartían co pintor Diego Rivera. A día de hoxe, a natureza da relación entre as dúas artistas continúa sendo un misterio.
- Marsha P. Johnson. Activista e figura destacada durante as protestas de Stonewall, xunto á súa amiga, a tamén activista Sylvia Ribeira, fundaron a organización STAR (Street Transvestite Action Revolutionaries), dedicada á defensa e protección das Drag Queens. Como curiosidade: a banda de Antony and The Jonhsons foi nomeada na súa honra e o grupo inspirouse na súa morte na canción “ River of Sorrow”.
- Carla Antonelli. A primeira deputada trans no parlamento español é tamén actriz e unha recoñecida loitadora pola igualdade. Nada en Tenerife, estudou Arte Dramática e en 1980 gravou o primeiro documental temático sobre transexualidade que se emitiu en TVE.
- La Veneno. Vedette, actriz, cantante e colaboradora de televisión, Cristina Ortiz, máis coñecida como La Veneno, foi unha das primeiras mulleres trans en visibilizar a realidade deste colectivo en España. Hoxe en día, a súa figura é reivindicada en “Veneno”, unha serie de televisión dirixida por Javier Calvo e Javier Ambrossi.