A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e Marineda City convocan o I Concurso “Iconografías sobre Marineda”

A Casa – Museo Emilia Pardo Bazán e Marineda City convocan o I Concurso “Iconografías sobre Marineda”

O galardón ten como fin contribuír a creación artística e literaria e supón un paso máis no noso compromiso coa promoción da autora a cuxa obra debemos o noso nome

Con fin de contribuír a creación artística e literaria e en colaboración coa Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, convocamos o I Concurso “Iconografías sobre Marineda”, que premiará en tres modalidades os mellores relatos e a mellor fotografía inspirados na cidade da Coruña, a cidade natal de Emilia Pardo Bazán, a escritora que bautizou literariamente a localidade como Marineda.

Esta iniciativa supón un paso máis na nosa colaboración coa Casa Museo Emilia Pardo Bazán, que comezou o pasado ano coa celebración dunha gala homenaxe inspirada nas veladas que a escritora coruñesa organizaba na súa casa da Rúa Tabernas.

Dotados cada un deles con 1.000 euros, os premios entregararanse o 21 de setembro na celebración do 167 aniversario da escritora. Ademais do premio en metálico, as persoas gañadoras verán publicadas as súas obras nunha edición preparada pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

O prazo de presentación dos orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto para a modalidade fotográfica e ata o 3 de setembro para as modalidades de relato breve. O I Concurso “Iconografías sobre Marineda” establece dous premios de relato breve, un en galego e outro en castelán. As persoas que desexen participar deberán facelo cun único texto orixinal e inédito e cunha extensión máxima de 4.000 caracteres.

No caso do I Concurso fotográfico “Iconografías sobre Marineda”, tres especialistas do mundo da fotografía e da crítica artística realizarán unha preselección das mellores imaxes presentadas. A gañadora decidirase nunha votación aberta nas redes sociais.

As bases do I Concurso “Iconografías sobre Marineda” con todos os detalles poden consultarse nesta ligazón.