Máis de 8500 euros. Esta foi a cifra recadada grazas á acción solidaria que levamos a cabo conxuntamente co Real Club Deportivo, cantidade que se repartiu entre catro institucións coruñesas: Centro Oncolóxico de Galicia, Fundación Meniños, Hogar de Sor Eusebia e Cruz Vermella. Tamén se recolleron 250 xoguetes que se destinaron a un programa de Cruz Vermella.
A iniciativa tivo lugar o pasado 19 de decembro durante o encontro contra o Eibar, no que repartimos preto de 20.000 gorriños do Pai Nadal brancos e azuis entre os afeccionados que acudiron esa tarde a Riazor cun dobre obxectivo: encher o campo de cor e alegría nestas datas natalicias, e recadar fondos para estas entidades que día a día traballan por mellorar a calidade de vida daqueles que máis o necesitan.
O capitán do Dépor, Alex Bergantiños; Martín Pita, conselleiro da área social do Real Club Deportivo; Daniel Ramos, conselleiro da área institucional do Real Club Deportivo; e Ana López, directora de Marineda City, foron os encargados de entregarlles ás entidades beneficiarias o seu correspondente cheque coa cantidade recadada (2139,93 € para cada unha). Recolleron a achega solidaria dos afeccionados do Dépor María Mercedes Casanova, presidenta provincial da Cruz Vermella; Amalia Borrazás, de Fundación Meniños; Bibiana Santiso, de Mételle un gol ao cancro; Pepe Losada, do Centro Oncolóxico de Galicia, e Rosalía Martínez, vicepresidente da Asociación Hogar de Sor Eusebia.
En nome de todo o equipo de Marineda City e do Deportivo, queremos darvos as grazas pola vosa xenerosidade e por axudarnos a converter esta iniciativa nun éxito.