Se naciches nos 80, é moi probable que recoñezas esta frase: “Discos, libros, pelis… iso importa”. Estás no certo: pertence a Alta Fidelidade, toda unha icona do cinema indie de finais dos 90 e quen a pronuncia é o seu protagonista, Rob Gordon – un John Cusack en estado de graza- un home obsesionado cos vinilos, a súa antiga noiva e… as listas. Estes son, segundo el, os mellores sinxelos de todos os tempos. Desempoa o teu vello tocadiscos – ou abre Spotify– pecha a porta da habitación e déixate levar pola música.
- Let’ s Get it On, de Marvin Gaye. Publicado en 1973 por Tamla Records, foi o maior éxito comercial da carreira discográfica de Marvin Gaye e converteuno nunha icona sexual da época. Alerta de contido explícito: está considerado “un dos discos con máis carga sexual xamais rexistrado”.
- The House That Jack Built, de Aretha Franklin. Aínda que foi gravada orixinalmente por Thelma Jones, a Raíña do Soul interpretou como ninguén este tema escrito por Bobby Lance e Fran Robbins que a levou ao posto número 2 no U.S. R&B chart. A cara b do sinxelo contén a famosísima “I Say a Little Prayer”
- Back in the USA, de Chuck Berry. Composto en 1959, este canto aos costumes americanos arrasou nas listas de éxitos. Existen numerosas versións de Back in the USA, aínda que quizáis as máis coñecidas sexan as de Linda Ronstad e MC5.
- White Man in The Hammersmith Palais, dos Clash. Publicada nun sinxelo xunto a “The Prisoner”, este tema de corte reagge, que critica a violencia e a superficialidade dalgunhas bandas, era o favorito de Joe Strummer e a última canción que soou en directo no Hammersmith Palais antes da súa demolición.
- So Tired of Being Alone, de Al Green. Número 11 no Billboard Hot 100 e unha das 500 mellores cancións de todos tempos segundo Rolling Stone, este sinxelo do reverendo Al Green, publicado por primeira vez en 1971, continúa sendo popular hoxe en día e foi interpretado, entre outros, polos escoceses Texas, Michael Bolton ou Tom Jones.