En Marineda City encántanos a moda e encántanos o talento. E a mostra Xuventude Crea, que podedes visitar ata o 2 de marzo na planta 1 do centro, vai sobrada de ambos ingredientes. A exposición, que recolle os deseños ganadores do programa para o fomento do talento creativo impulsado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, na súa categoría de moda, está composta por un total de vinte propostas de catro novos diseñadores galegos, recoñecidos como os tres primeiros premios e a finalista da última edición do certamen.
A proposta Tomba, de Noelia Tojeiro Ramil, natural das Pontes, resultou a ganadora. Noelia, de 23 anos e formada en Deseño de Moda pola Escola de Arte E.A.S.D. Mestre Mateo de Santiago, presentou unha colección “upcycling”, unha forma de crear que dá unha segunda vida a pezas e tecidos converténdoos en obxectos de valor. A partir de uniformes de traballo sen utilizar pertencentes a Intasa, a empresa familiar, Noelia desenvolveu unha colección sostible, na que se procurou minimizar desperdicios en todo o proceso, unisex e sen tallas. “A miña idea era recuperar historias, que os deseños tivesen unha vinculación emocional”, apunta Noelia.
A moza sinala a importancia deste tipo de iniciativas, “xa que cando empezas a abrirte paso no sector é complicado darte a coñecer. Este certame é unha forma de recoñecer o talento e o esforzo que está detrás das coleccións”. A ganadora de Xuventude Crea destaca tamén o valor de que as propostas estean expostas nun espazo como Marineda City: “un lugar con tanta afluencia de xente axuda a dar visibilidade ao noso traballo, que nos coñeza máis xente”, apunta Noelia.
Xuventude Crea recoñeceu tamén os deseños de Alba Vidal Pazos e Anxo López Pérez, que obtiveron o segundo e terceiro premio respectivamente, así como os de Laura Rodríguez Liste, que resultou finalista. Para a selección dos ganadores tivéronse en conta criterios como a creatividade, a experimentación formal nos deseños, a selección dos tecidos, o colorido, volumes e texturas.
Esta iniciativa reflexa o noso compromiso por dar visibilidade e promover o talento e a creatividade local, cedendo o seu espazo para ofrecer contidos divulgativos e xeradores de comunidade.