Romper cos estereotipos e poñer en valor a diversidade é o obxectivo da exposición “Taigeto, soños e normalidade“, que se pode visitar ata o 5 de outubro na planta 1 e que se enmarca nas actividades do Festival DiversidArte de artes inclusivas, organizado pola Asociación Poten100mos, coa que vimos colaborando ao longo deste ano.
Esta mostra é un proxecto colectivo no que participaron máis de 60 persoas que representan a nove entidades sociais de colectivos diversos baixo a mirada de oito fantásticos fotógrafos profesionais, cunha gran conciencia e experiencia no ámbito social: Felipe Alonso (Nos Why Not?), Gimena Berenguer, Begoña Bah, Chelo do Xastre, Lázaro Louzao, Hamdad Mohamed Said, Merli López e Lestonnac Ibañez. A exposición está composta de 26 fotografías de gran formato, acompañadas de códigos QR para obter máis información sobre as instantáneas, que buscan mostrar a normalidade, o que nos une, incidindo en que, dentro de todas esas cousas que nos fan iguais, hai diferenzas que nos enriquecen.
Impresiona: empoderamento e imaxe persoal para a procura de emprego
No marco da nosa colaboración coa Asociación Poten100mos tamén se atopa Impresiona, un programa de empoderamento e imaxe persoal para a procura de emprego. Para iso, a entidade estivo no noso punto solidario recollendo roupa de muller para o seu uso en entrevistas laborais, doazóns que se destinarán ás 120 mulleres en situación de exclusión e procura de emprego que participarán en seis sesións de formación que se realizarán en Marineda City. Se ti tamén queres colaborar doando roupa, poderás facelo os días 10 e 11 de outubro, de 15.30 a 20.30 horas, na planta baixa.
A iniciativa ten como finalidade ofrecer ás participantes as ferramentas necesarias para afrontar unha entrevista: así, as sesións están lideradas por asesores de imaxe profesionais, que lles indican como ha de ser a súa imaxe persoal cando acoden a procesos de selección, ademais de entregar a cada asistente a roupa doada e axustada ás súas necesidades.