O próximo 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro e, como a mellor forma de celebralo é lendo, pedimos aos compañeiros da libraría Santos Ochoa cinco lecturas imprescindibles para esta efeméride. Estas son as súas recomendacións. A ler!
A libreira Iria recoméndanos Invisible (Eloy Moreno), unha lectura imprescindible para calquera persoa entre os 11 e os 99 anos. Invisible céntrase na vida dun mozo vítima do bullying. A obra de Eloy Moreno contén unha denuncia social que reflicte unha realidade moi presente, na que cada día hai máis invisibles: unha historia dura pero necesaria; que logra removernos e invítanos a reaccionar para que ninguén máis teña que sentirse desa forma. Porque non só é responsable o que exerce a violencia, senón tamén o que se queda impasible mirando para outro lado.
Iria elixiu este libro porque representa “unha necesidade existente hoxe en día na nosa sociedade: o non quedar impávido ante as inxustizas sociais”. E é que considera de vital importancia “facer partícipes a todas as persoas (sobre todo ás novas xeracións), concienciándoos sobre a súa capacidade de acción fronte ás inxustizas”.
Tamara seleccionou O Bestiario de Axlin (Laura Gallego). Nacida nun poboado remoto, o destino de Axlin é casar e ter fillos que aseguren a continuidade da súa aldea, axexada por monstros que a minguan aos poucos. Con todo, Axlin, pese á súa mocidade e unha lesión crónica nunha perna que lle fai coxear, decide viaxar ata a Biblioteca máis grande do mundo, situada na Ciudadela, para descubrir como derrotar aos monstros no canto de ver impávida como os seus seres queridos perecen día tras día. No seu longo camiño Axlin recollerá nun bestiario todo tipo de feitizos e repelentes para monstros e converterase en toda unha heroína. Sen dúbida, a mellor novela de Laura Gallego ata o momento. Pasarás a noite en vela ata que acabes de lela.
Tamara conta que se decidiu polo Bestiario de Axlin porque lle gustan os valores que transmite. “As nenas de hoxe son as mulleres do mañá e necesitamos mulleres valentes, estudosas e xenerosas que vaian, igual que Axlin, ata o fin do mundo se así o desexan, sen importar os atrancos ou impedimentos que podian ir surxindo polo camiño”, asegura.
A libreira Noela decantouse por Emilia Pardo Bazán (Isabel Burdiel). A eminente historiadora Isabel Burdiel (gañadora do Premio Nacional de Historia pola súa biografía de Isabel II) recolle de forma exhaustiva en Emilia Pardo Bazán a vida e liberación dunha das escritoras máis importantes en lingua española, construtora do canon literario do S. XIX e unha muller totalmente moderna para a época.
Noela considera esta biografía de Doña Emilia “imprescindible para amantes da Historia e da Literatura” e engade “segue chamando a atención case un século despois da súa morte, xa que emparenta coas grandes escritoras do noso tempo debido á súa modernidade e a súa loita por atopar o seu lugar no mundo. E é nese punto no que tanto eu como todas e todos podémonos sentir identificadas”.
Ágeda elixiu Animalario universal do profesor Revillod (Javier Sáez Castán). Cun formato nada convencional, no Animalario universal do profesor Revillod podemos atopar ata 4.096 especies diferentes, xa que conta con 16 páxinas con dous cortes verticais que as dividen en tres seccións e permítennos combinar as diferentes partes dos animais dos que proceden. Un libro moi divertido que estimula a imaxinación e nos deleita con combinacións tan suxestivas como o KILATE, un animal valiosísimo, como o seu propio nome indica.
Escollín este libro porque a cada persoa que se llo ensino queda un anaco mirándoo e inspeccionando as súas posibilidades, é realmente divertido facer as combinacións máis disparatadas. A literatura no só debe ser un conxunto de palabras ben escritas, senón que tamén cumple a función de facernos imaxinar novas situacións e mundos máis aló do real”, explica Águeda.
Ana recomenda Vozdevieja (Elisa Vitoria). A nova autora Elisa Vitoria (Sevilla, 1985) trasládanos a principios dos anos noventa de man de Mariña, unha nena de nove anos moi pouco convencional. Alcumada polos seus compañeiros de colexio vozdevieja, Mariña, cuxa nai está doente, á que lle gusta xogar con bonecas Chabel e cuxa mellor amiga é a súa avoa namorada de Felipe González, fainos revivir con despexo eses momentos da infancia mestura de confusión, inxenuidade e perversidade cos que todos podemos sentirnos identificados: unha realidade infantil tan particular como chea de matices.
A libreira Ana explica que o que lle atraeu no primeiro lugar desta novela foi o seu título: “Gústame a súa frescura e humor, ademais a edición é atractiva e está especialmente coidada”.