“Só os nenos saben o que buscan” dixo O Principiño.
Este domingo celébrase o Día Internacional do Libro e, para conmemorar esta data, preparamos un evento moi especial: trátase de Principiño 21, unha actividade para toda a familia na que todos estaremos invitados a participar no desenvolvemento da historia.
O punto de partida da nosa viaxe será o famoso libro de Saint-Exupéry “O Principiño”, a partir do cal o escritor, poeta e guionista Pedro Ramos creou este fermoso espectáculo interactivo que combina a narración e a música para mergullarnos na maxia dun dos libros máis entrañables da literatura de todos os tempos.
Ramos estará acompañado polo músico Manu Conde, que engalanará o relato cunha ambientación improvisada: así, a música en directo fará as veces de efectos sonoros creando unha atmosfera idónea para que toda a familia goce desta obra que foi traducida a máis de 250 idiomas (incluído o braille).
Será unha cita inesquecible tanto para vós como para os vosos pequenos, que terán a oportunidade de achegarse dunha forma lúdica e entretida á emblemática novela de Saint-Exupéry. E é que, como dixo O Principiño, só os nenos saben o que buscan.