Tras A Coruña, Santiago e Pontevedra, o parque de Castrelos, en Vigo, foi o escenario elixido nesta ocasión para a nosa campaña de verán, na que rendemos homenaxe á emblemática portada do Abbey Road.
A icónica imaxe de The Beatles cruzando o paso de peóns na famosa rúa londinense onde se situaba o seu estudio de gravación serviu de inspiración para esta nova campaña, creada pola axencia galega Imaxe, coa que queremos evocar a diversión, a alegría e o positivismo da época estival a través da música.
Catro modelos galegos de diferentes idades foron os encargados de recrear aos integrantes da banda de Liverpool: a coruñesa Awa Coulibaly Pulleiro; o murciano residente en Santiago Marcus Chalmers, e os nenos Hugo Correa Lago, de cinco anos e procedente de Ponteareas, e María Antón Tella, ferrolana de 7 anos.
O estilismo foi creado pola viguesa Eva Cendón, que se baseou na mítica portada do álbum de 1969 para crear unha proposta baseada nas impresións de cor intensas e contrapostas. En canto á fotografía, correu a cargo do estudo de Jacobo Gayo, xerente da productora de moda e publicidade GF estudo e nomeado aos Premios Goya de fotografía en publicidade en 2007, 2011 e 2013.
Con esta homenaxe a un dos álbumes máis influíntes da historia do pop, continuamos o percorrido que iniciamos con O bico: unha primavera chea de amor e na que recreamos a instantánea de Alfred Eisenstaedt na que un mariño bica a unha enfermeira en Times Square durante as celebracións polo fin da II Guerra Mundial.
¡Feliz verán!