Dous mozos recollen historias de amor para plasmalas nun libro

“Escoito historias de amor gratis” Unha fotografía onde se vía un home cun cartel con esa lenda foi o xerme de “Do teu corazón ao meu libro”, un proxecto que recompila amores e desamores anónimos para despois plasmalos nun libro. “Foi ver esa imaxe e quedar absorto. Que gran idea!, pensei”, conta Pablo Piñeiro, o artífice desta iniciativa que estará o 23 de abril en Marineda City para recoller novos relatos de amor xunto ao seu compañeiro Hugo Sanmartín.

Armados con grabadora, lápis, papel e sobre todo uns oídos dispostos a escoitar a todo aquel que queira compartir a súa historia, Hugo e Pablo percorreron Galicia reunindo as narracións de decenas de persoas anónimas: “A xente transmíteche o que viviu, choran, tremen, lévannos da man pola súa experiencia; é moi emocionante. É moi especial que alguén se abra e comparta contigo as súas vivencias máis importantes”.

Con este proxecto, pretenden dar ao amor o espazo que merece na sociedade actual: “Dáme moita rabia que teñamos tabús con respecto ao amor, que non falemos de sentimentos con naturalidade, que nos custe tanto dicir quérote”.

A acolleita, conta Pablo, non podía ser mellor: “Nin de lonxe esperabamos que tivese esta repercusión, recibimos unha chea de mensaxes de persoas que se emocionan coas nosas historias; é impresionante. Xamais fixera algo tan bonito”, conta Pablo, que destaca que lle chegaron historias de amor desde Suiza, Sudamérica, Barcelona ou Sevilla. E é que ademais da recopilación que fan en vivo e en directo, as persoas que queiran abrír o seu corazón tamén poden facelo a través da súa páxina de Facebook ou do correo electrónico [email protected].

O sábado 23 Pablo e Hugo estarán en Marineda City para seguir reunindo material para o seu libro que, esperan, estará listo antes de que finalice o ano. Anímaste a lles contar a túa historia?