Deste ano non pasa: imos á neve! E é que un dos atractivos do frío é poder gozar dos deportes de inverno ou simplemente pasar un bo anaco xogando, gozando do aire libre e admirando as paisaxes nevadas. Así que xa o sabes, colle as maletas e prepárate para unha finde inesquecible. Para que non che esqueza nada, preparamos unha lista cos imprescindibles que non poden faltar na túa equipaxe.
- Roupa de abrigo. Levar as pezas de roupa axeitadas é fundamental para que a túa fin de semana non se converta nun pesadelo. Elixe roupa quentiña pero transpirable e equípate cun bo gorro e unhas luvas impermeables.
- Calzado axeitado. O calzado ocupa o segundo posto no noso top de imprescindibles. E é que se non queres pasar a finde cos pés mollados, has de elixir coidadosamente o que vas levar nos pés. Nin que dicir ten que nada de zapatillas deportivas e, por suposto, esquece os tacóns. Nas tendas deportivas atoparás botas especiais para a neve. Deben ser impermeables, forradas por dentro e cun bo agarre na sola.
- Lentes e protección solar. Aínda que non sexa verán, non debes esquecer incluír na túa equipaxe protección solar, xa que a neve reflicte os raios de sol e intensifica o seu efecto na pel. Por iso tamén é fundamental levar uns bos lentes de sol con filtro antirraios UV para protexeres os ollos. Se vas practicar algún deporte como esquí ou snowboard, o mellor é que sexan flexibles, resistentes e axustados ao rostro.
- Mochila, cantimplora e raquetas. Se che gusta a natureza, camiñar e admirar a beleza dunha paisaxe nevada, abofé que gozarás dunha boa camiñada, para o que che virá ben dispoñer dunha mochila na que levar a roupa que che sobre cando entres en calor, algo de comer para repoñer forzas e auga en abundancia. En función da cantidade de neve e do traxecto que escollas, é posible que necesites raquetas para completar a túa travesía. Infórmate antes de chegares ao teu destino!
- Aínda que o esquí non sexa o teu, non tes por que renunciar a unha boa fin de semana na neve. Faite cunhas zorras e pásao en grande esvarando aba abaixo. Imprescindible se vas con cativos!
- Xogos de mesa. No inverno faise de noite cedo, polo que pode ser boa idea levar algúns xogos de mesa cos que amenizar a reunión despois do solpor.
- Esquís, snowboard e casco. Aínda que na maioría das estacións de esquí poderás alugar un equipo completo para practicar esquí ou snowboard, se es un verdadeiro amante dos deportes de inverno é posible que queiras conseguir o teu propio equipo.
- Posta a punto do coche. Se te vas desprazar para gozar da neve, recorda poñer o teu coche a punto. Infórmate do estado das estradas e non esquezas levar unhas cadeas. Asegúrate de que sabes poñelas antes de emprender a viaxe! Tampouco está de máis meter no maleteiro algunhas mantas por se quedades illados.
- Unha cenoria. Para o nariz do teu boneco de neve. Ou pensabas volver sen facer un?